• FEGABAN

A Asociación Área Empresarial do Tambre recolle 2.000 quilos de víveres para o Banco de Alimentos

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) recolleu 2.000 quilos de alimentos na campaña de recollida, posta en marcha a mediados de novembro e aberta durante dúas semanas, a favor do Banco de Alimentos de Santiago de Compostela.



Para recoller as doazóns, a Asociación instalou un tráiler na explanada do Centro Empresarial do Tambre, ademais de ter habilitados outros puntos no Cash Galicia, Cash Record e na propia sede do Banco de Alimentos de Santiago no Polígono do Tambre, para que todos os asociados e asociadas do entidade empresarial, é dicir, empresarios e traballadores, e todos os cidadáns puideran colaborar.


O presidente do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita, destaca o valor positivo desta campaña e agradece a axuda de todos os empresarios da área, porque sen a súa “colaboración activa” non sería posible recoller tanta mercancía. “É unha iniciativa de cooperación conxunta que debemos manter por proximidade e eficacia” –sinala–.


Pola súa parte, o presidente da Asociación, José Fernández Alborés, explicou que, a pesar da crise económica derivada da pandemia, os empresarios seguen demostrando a súa solidariedade coas causas humanitarias. “Forma parte da nosa responsabilidade social corporativa, pero tamén da nosa xenerosidade. Alegrámonos de que esta pequena contribución sirva para mitigar algunhas necesidades das moitas que se están a detectar nas capas máis vulnerables da sociedade” –apunta–.

Nota original "Compostela 24 horas"

5 vistas
© Copyright FEGABAN 2020
  • Facebook
  • YouTube